Manifesto de Apoio
MANIFESTO DE APOIO Á CANDIDATURA DO BNG DE FERROL PARA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DO 26 DE MAIO DE 2019
As persoas asinantes, todas veciñas e veciños de Ferrol, preocupadas, desde distintos ámbitos, pola situación do noso Concello, e mesmo tendo noutras ocasións participado ou apoiado proxectos políticos diferentes, queremos nesta ocasión mostrar o noso apoio e pedir o voto para a candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas.
Ao longo destes catro anos, pleno tras pleno, asistimos con desilusión a un abandono das políticas que deberan frear as décadas de maltrato, roubo e espólio ao
 que está sometida a nosa cidade. Pola contra, o grupo municipal do BNG 
demostrou coherencia, determinación e firmeza á hora de enfrentar os 
grandes problemas, aportando alternativas con solucións viables sempre 
en beneficio dos veciños e veciñas e non das multinacionais, 
institucións e intereses da minoría privilexiada.
Porque Ferrol precisa dun goberno municipal capaz de enfrontarse ao espolio constante
 dos nosos cartos destinados a encher o bandullo dos bancos e as 
transnacionais que xestionan os servizos privatizados do concello e que 
contaron coa inestimable colaboración de gobernos presentes e pasados.
Precisamos un goberno que faga de Ferrol unha cidade inclusiva e acolledora onde
 a igualdade e os dereitos básicos se garanticen. Unha cidade que non 
vexa marchar a súa mocidade, e que estea aberta a acoller a quen queira 
compartila con nós.
Porque precisamos dun goberno que lle pare os pés a un Estado
 que nos condena ao illamento ferroviario, que nos obriga a pagar por 
obras da súa competencia como o saneamento, que prepara unha nova 
reestruturación do sector naval na cidade envolta en brillante 
propaganda.
Precisamos dun goberno ecuánime que 
deixe de repartir cartos aos de sempre financiando con diñeiro público 
actividades relixiosas mentres o resto de colectivos sobreviven con 
esmolas ás que lles custa moito traballo acceder. Que lle exixa ao M. de
 Defensa, á Autoridade Portuaria, á Igrexa e ás empresas que se nutren 
do noso traballo como NAVANTIA ou EMAFESA que cumpran coas súas obrigas 
tributarias como facemos os e as demais.
Precisamos dun goberno valente,
 decidido, que recoñeza as potencialidades que Ferrol esconde detrás dos
 seus muros. Muros físicos, como a muralla que nos separa do mar, ou 
mentais como a crenza de que sen o Estado nunca fomos, nin seremos nada.
Precisamos dun goberno sen complexos
 capaz de recoñecer un patrimonio natural extraordinario, unha realidade
 urbana con múltiples potencialidades e unhas xentes capacitadas e 
decididas a saír adiante se contasen con representantes que traballasen 
para eles e elas, acompañándoos nun camiño difícil pero o único que leva
 a un futuro digno.
E o certo é que hoxe non hai alternativa política en Ferrol que non pase polo BNG, coa candidatura encabezada por Iván Rivas.
 Cada vez hai máis xente en Ferrol que sabemos que tras probar todas as 
solucións posibles, o que parece imposible, o transgresor, o indómito, 
aínda que difícil, é indubidablemente o acertado.
É un momento crucial para o futuro da cidade.
 Non podemos agardar máis. Temos que tomar partido. Temos que tomar 
decisións. E tomar decisións favorece a unhas e prexudica a outros, non 
hai termo medio. Ou estás coas maiorías sociais ou estás coas minorías privilexiadas. E nós como asinantes deste Manifesto temos moi claro cal é o noso lugar.
Porque cremos en nós e queremos a Ferrol, sabemos que é o momento de coller un novo camiño.
Porque
 Ferrol será feminista ou non será; será industrial e criadora de 
emprego ou non será; será de servizos públicos ou non será; será peonil 
ou non será; será cidade acolledora ou non será; será sostible ou non 
será, e será galega, consciente do país no que está ou non será.